Dixo o poeta cubano José Martí; “Hay tres cosas que cada persona debería hacer durante su vida: plantar un árbol, tener un hijo y escribir un libro”. Supoño que cadaquén terá as súas, igualmente lícitas e válidas, pero este dito tan popular (que tamén se basea nunha adaptación dun relato profético de Mujámmad, o mensaxeiro do islam) sempre resoou en min, sendo proxectos vitais a cumprir…
En canto ao proxecto árbore, xa axudei a plantar e coidar algunhas tempo atrás… mais a árbore que sempre quixen plantar ten que estar nun lugar especial e ser unha árbore tamén especial. Tiven que traballar varios anos para mercar o terreo e en breve terei a miña palmeira! Aínda que acabo de saber que as palmeiras non son árbores senón plantas e que aínda por riba anda unha praga nelas que non deixa unha viva… Haberá que poñer algunha outra cousiña máis polo si ou polo non, non vaia a ser!
Ser nai foi e é no meu caso o máis importante. Para ter a miña filla primeiro tiven que atopar a persoa axeitada. Abofé que a atopei! Haberá case trinta anos. Con ela a día de hoxe comparto camiño.
Por último, o proxecto do libro tamén foi cousa de tempo, de moitas emocións e experiencias; e agora empezo con dous! Son consciente das miñas limitacións literarias. Non son Gabriel García Márquez nin a miña admirada Rosalía de Castro, pero o que escribo é froito da ilusión e das miñas vivencias. O difícil para min, que ben que mal, non é escribir, pois síntoo como unha necesidade, o que non me resulta doado é a loita que se establece entre o pudor e a necesidade de compartilo. Dado o paso, prégovos humildemente benevolencia a quen leades os meus escritos e desexo de corazón que canto menos vos aporten algo por pouquiño que sexa. Grazas.